Alt

Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto protagonizan a terceira sesión de Lugopoética 2026

Celebrouse na sede da UNED en Lugo a terceira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa terceira edición. Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, directora da UNED Lugo.

Esta terceira sesión introduciu ademais unha importante novidade ao proxecto Lugopoética: Angélica Darriba Fernández (12 anos, Friol), alumna das Escolas de Música Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, interpretou varias pezas coa frauta traveseira ao longo do evento. Deste xeito, música e poesía foron da man nesta iniciativa que continuará en vindeiras sesións cos outros alumnos das Escolas.

Xosé Lois García (Lugo, 1945): Desenvolveu diversas tarefas na divulgación da cultura galega en Cataluña. É autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre a simboloxía románica na Ribeira Sacra. Tamén é crítico de arte e literatura, conferenciante e articulista en diversas publicacións de Galicia, España e Portugal. Especialista na literatura de expresión portuguesa en África, e autor de antoloxías poéticas de Portugal, Galicia, Mozambique, Angola, Guinea-Bissau, Macau e Brasil. Tamén é antólogo e tradutor. A súa obra está composta por máis de cento cincuenta libros publicados en galego, portugués e catalán.

Ramón Rodríguez Porto (Chantada, 1963): Escritor e xornalista, traballou na banca comercial e na Adega Terras Bendaña. Traballou para RNE, Radio Noroeste, Radio Faro-Cadena Ser e GaliciaDigital. En televisión colaborou na comarcal Televinte. Colaborou desde a mocidade en El Progreso como correspondente. Colabora coa revista poética Xistral. Cofundador e directivo do colectivo Poetas da Ribeira Sacra, foi fundador e directivo da Asociación Cultural e Gastronómica Luso-Galaica e membro da Fundación Amigos de Galicia. É coordenador do premio Moncho do Pío e do certame poético Xohán de Requeixo. É cofundador e actor do Centro Teatral Faro-Miño de Chantada. 

O encontro poético entre os dous creadores, de máis de hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.

O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2026 vaise celebrar o próximo 14 de maio, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre e coa participación dos escritores Martiño Maseda Lozano e Beatriz López Dourado.

Vídeo íntegro deste terceiro encontro