
Celebrouse na sede da UNED en Lugo a cuarta das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa terceira edición. Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Eduardo Carreira e Ánxela Gracián. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, directora da UNED Lugo.
Nesta cuarta sesión participou tamén Angélica Darriba Fernández (12 anos, Friol), alumna das Escolas de Música Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, que interpretou varias pezas coa frauta traveseira ao longo do evento. Deste xeito, música e poesía foron da man nesta iniciativa que continuará en vindeiras sesións cos outros alumnos das Escolas.
Eduardo Carreira López (Castroverde). Artista multidisciplinar, tén ás súas costas varias exposicións de cadros, tanto óleos como acrílicos, en diferentes lugares de Galicia e do resto de España (Madrid, Portomarín, Ourense, Lugo,etc.). É membro do grupo creativo Os Nabos de Gracián, e colaborador do grupo cultural Nós. Tamén conta con varias ilustracións de libros xa publicados (“Minia, amor doe”, de Estévez; “O pracer da chuvia”, de Manuel Vázquez, “A través da miña pel”, de Sonia Melón...).
Ánxela Gracián (Castroverde, 1968). Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, traballa dende hai trinta anos no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia, onde revisa e traduce ao galego ou castelán todo tipo de textos. Esa experiencia deu paso a unha paixón persoal que cultiva dende hai moitos anos: a tradución literaria, dando voz en galego a autoras e autores como Marguerite Yourcenar, Jules Verne, Hugo Pratt, Mona Chollet, Joao Manuel Ribeiro ou Fernando Casaca, e vertendo do galego a outras linguas a autores como An Alfaya, Xesús Manuel Marcos ou Concha Blanco. Tamén escribe libros, moitos deles para nenos e mozos, e outros para adultos.
O encontro poético entre os dous creadores, de máis de hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.
O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2026 vaise celebrar o próximo 4 de xuño, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre e coa participación dos escritores Xosé Antón Cascudo e Xacobe Sánchez Quintela.
Vídeo íntegro deste cuarto encontro