
Celebrouse na sede da UNED en Lugo a quinta das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa terceira edición. Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Xosé Antón Cascudo e Xacobe Sánchez Quintela. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, directora da UNED Lugo.
Nesta quinta sesión participou tamén Angélica Darriba Fernández (12 anos, Friol), alumna das Escolas de Música Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, que interpretou varias pezas coa frauta traveseira ao longo do evento. Deste xeito, música e poesía foron da man nesta iniciativa.
Xacobe Sánchez Quintela (A Coruña, 1972). No seu círculo próximo é coñecido como Jaki. Dende 1987 reside nos Vilares (Guitiriz). Fixo estudos de psicoloxía na Universidade da Coruña que non chegou a rematar xa que decidiu darlle continuidade ao negocio familiar de ferraxaría e antigüidades. Con anterioridade á publicación deste poemario ten colaborado de xeito esporádico para as revistas culturais Dorna e Xistral. Colabora con Xermolos no espallamento da vida e obra do poeta Xosé María Díaz Castro.
Xosé Antón Cascudo (Guitiriz, 1976). É doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Comunicación Audiovisual e Historia da Arte. Desenvolve a súa carreira profesional vencellado ao sector audiovisual, á xestión cultural, á investigación e á docencia no IES Arcebispo Xelmírez I e na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Cascudo é autor de "Manual do misántropo" (Premio GzCrea de Poesía, 2006) e está incluído na antoloxía "A cidade na poesía galega do século XXI" (2011). Tamén publicou "A mística da feminidade en Mad Men" (2023, Premio Ramón Piñeiro de ensaio).
O encontro poético entre os dous creadores, de máis de hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.
O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2026 vaise celebrar o próximo 25 de xuño, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre e coa participación das escritoras Ana Mar Fraga Rábade e Mari Luz Balsa Rábade.
Vídeo íntegro deste quinto encontro