Alt

A segunda sesión de Lugopoética 2025 acolle a Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer

O xoves 16 de outubro celebrouse na sede da UNED en Lugo a segunda das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2025, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa segunda edición.

Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco García. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.

Claudio Rodríguez Fer: Reuniu a súa poesía erótica e civil en Amores e clamores e a poesía visual en Cinepoemas e Corpoética. Está traducido a numerosos idiomas e o seu poema “A cabeleira” publicouse en máis de 80 linguas. É autor dun cento de obras narrativas, teatrais e ensaísticas e recibiu diversos recoñecementos en Europa e América. Dirixe a Cátedra Valente da USC e deu clase en Nova York, Bretaña e París, lugares aos que dedicou poemarios, como antes dedicara Lugo blues á súa cidade natal. 

Carmen Blanco García: Publicou poesía, narrativa e ensaio rompendo os límites dos xéneros. Deu mostras poéticas nas obras Estraña estranxeira, Un mundo de mulleres ou Lobo amor e narrativas en Vermella con lobos ou Atracción total. É editora de obras de poesía e autora de ensaio, tradución ou ilustración de poesía. A súa creación inspírase no amor, na liberdade e na loita humana contra a opresión. É autora de Alba de mulleres ou “Lugo, atracción total”. 

O encontro poético entre os dous creadores, dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos das próximas sesións- dunha publicación que recolla esta segunda experiencia de expresión poética interxeneracional.

O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2025 vaise celebrar o próximo 30 de outubro, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Ana Vila Portomeñe e Paco Ledo.

Vídeo íntegro deste segundo encontro