
O xoves 9 de outubro celebrouse na sede da UNED en Lugo a primeira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2025, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa segunda edición.
Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Lucía López Cancio, Mar Ferreiro Rozas e Gustavo Díaz Rey. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.
Mar Ferreiro Rozas: Nada na cidade de Lugo o día de Nadal de1973, e oriunda de San Adriano (Lourenzá). Xurista de profesión, cunha larga traxectoria como Xuíza e Avogada. No 2023, publicou o seu primeiro libro de poesía, en castelán, que leva por título “Llegarás (entretanto es tiempo de vivir y/o malvivir)”,
Lucía López Cancio: Graduada en educación social e no máster de profesorado pola Uned, especialidade de Intervención Sociocomunitaria, exerceu como profesora de F.P. e educadora social. Actualmente, estudaTraballo Social na Uned, á vez que exerce como educadora, manténdose en contacto coas persoas (nenos, adolescentes, 3ª idade...) das que aprende e se sinte inspirada para crear poemas a través dunha ollada máis fonda da realidade.
Gustavo Enrique Díaz Rey: Graduado en Dereito pola UNED, actualmente está finalizando o Máster de Acceso á Avogacía. Como poeta, escribe de maneira espontánea e persoal como unha forma de gardar na memoria e na retina imaxes que lle impactan. Baséase na observación do entorno dunha pequena aldea de Láncara, lugar natal da súa muller.
O encontro poético entre os tres creadores e alumnos da UNED, dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos das próximas sesións- dunha publicación que recolla esta segunda experiencia de expresión poética interxeneracional.
O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2025 vaise celebrar o próximo 16 de outubro, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.
Vídeo íntegro deste primeiro encontro