
A Xunta de Galicia colabora co colectivo Egeria na segunda edición dos encontros Lugopoética, que se inauguran hoxe. No acto de presentación, que tivo lugar na Delegación territorial de Lugo, participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado territorial, Javier Arias; Antonio Giz, en representación do colectivo organizador; Ana Traseira, directora do centro asociado da Uned en Lugo, e os escritores Gustavo E. Díaz Rey e Xosé Carlos Ulloa, que intervirán nas sesións.
Lugopoética propón seis encontros protagonizados por poetas lucenses, que lerán anacos das súas obras e conversarán acerca da poesía en xeral e da súa traxectoria en particular. Realizaranse con público na sede da Uned -con acceso libre e gratuíto- en varios xoves ata o mes de decembro, de 18:30 a 20:00 horas.
Así mesmo, serán gravados e transmitidos pola rede de comunicación da universidade e difundidos por Internet. Como colofón á iniciativa, editarase en formato físico e dixital un libro de poesía en galego que reunirá unha selección de obras dos poetas participantes.
Os encargados de abrir esta tarde o programa son Mar Ferreiro Rozas, Lucía López Cancio e o citado Díaz Rey; o 16 de outubro conversarán Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer; o 30 de outubro, Ana Vila Portomeñe e Paco Ledo; o 13 de novembro, Manuel Regal e Xosé Antón Miguélez; o 27 de novembro, Xoán Neira e Xosé Carlos Ulloa, e pecharán o ciclo o 11 de decembro Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.