
O xoves 19 de febreiro celebrouse na sede da UNED en Lugo a primeira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa terceira edición.
Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Diana Varela Puñal e Chelo Gayoso Díaz. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.
Diana Varela Puñal Corme, 1981: Nacida en Corme, trasladouse ós catorce anos á Coruña. Algúns dos seus poemas viron á luz na revista Xistral de Lugo, no Anuario Brigantino, Ferrol Xurídico, no xornal El Correo Gallego… Colaborou no diario Galicia Hoxe coa súa sección semanal “Cartas boca arriba” e asina a páxina cultural “O Dereito e as Humanidades” na revista Fonte Limpa, publicada polo Colexio de Avogados da Coruña, ó cal pertence. Actualmente é a secretaria xeral da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega e forma parte da equipa de Medulia Editorial. Conta con diversos premios e publicacións desde o ano 2006.
Chelo Gayoso Díaz S. Xoán de Loio (Paradela): Con cinco anos tivo que abandonar o seu pobo por mor da construción do encoro de Belesar. Foi un acontecemento que marcou moito a súa vida. Alí fican as súas raíces asolagadas polos ríos Miño e Loio. Actualmente reside en Sanmartiño de Guillar (Outeiro de Rei) Lugo. Publicou dous libros de poesía, “Camino de estrellas” e “O laio das Pedras”, e acaba de saír á luz “ La Voz del Silencio”. Colaborou na revista da Irmandade da Sta. Marta de León. Participou en publicacións colectivas como “Mesturas”, “Manuel María”, ”Xistral” e en varias publicacións hispano-portuguesas.
O encontro poético entre as dúas creadoras, dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra das escritoras, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos das próximas sesións- dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.
O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2026 vaise celebrar o próximo 18 de marzo, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación das escritoras Alicia Fernández Díaz e Elena Pérez López.
Vídeo íntegro deste primeiro encontro