18 de Marzo de 2026
Alicia Fernández Díaz Lugo, 1988
Avogada e funcionaria, a poesía leva presente na súa vida dende os seis anos cando comezou a participar en diversos certames poéticos e narrativos acadando o longo de todos estes anos numerosos premios a nivel estatal, principalmente no xénero lírico. Namorada da natureza e do medio ambiente, e cunha profunda conexión co espiritual, a súa obra atópase marcada de metáforas literarias, achegando á realidade natural unha visión mística sobre os sentimentos, a vida e o transcorrer dos anos. Asidua de eventos de micro aberto e recitais de poesía, non imaxina a sua vida sen tinta e papel.
Elena Pérez López Sarria
Naceu na primavera, nun mes de maio atipicamente frío. Foi unha nena loura de pelo sempre despeiteado, que ambientaba o seu medrar entre Sarria e Barbadelo. Estudou nesta mesma vila ata que decidiu marchar a Lugo e formarse para ser mestra. A vida é máis luminosa dende que comparte escolas e aulas coas crianzas. Considérase moi afortunada de poder dedicarse á profesión máis fermosa que existe. E entre lección e lección, cóanse algúns versos que lle gusta ir coleccionando. Sen pretensións, intenta admirar o extraordinario do cotiá, espremer as cousas máis sinxelas e sintetizar esencias en palabras. Unha mestra, que, coma todas, é un pouco de todo.