14 de Maio de 2026
Martiño Maseda Lozano Vilalba, 1970
A boca de novembro alertou nos meus ollos a súa primixenia fractura. E a Chaira foi o manancial do que recibín os primeiros grolos dese líquido enigmático chamado vida; onde a papados lentos vou aprendendo a amar esta Matria do desacougo, aleitado pola foula da terra e o sorriso incipiente do orballo, que me contaxiaron a través da delicadeza sanguínea dos meus pais esta enxebreza inmaterial da lingua que me constitúe e que me define. E aquí sigo tentando non pasar de balde, mentres observo como a fraxilidade da luz tronza sobre a memoria das árbores que termaron do canto do cuco máis aló de tódolos derregos de abril nesta república literaria de Banxoi.
Beatriz López Dourado Barcelona, 1985
Filla e neta de emigrantes galegos. Na actualidade vive en Lugo, onde en 2020 exerceu na EEI Fingoi de Lugo e dende 2022 é profesora de educación secundaria. A terra familiar é Navia de Suarna, de onde é seu pai, de onde son os avós, e de onde é tamén o seu home. No eido literario, publicou “Intraguerras” (Urutau, 2022), e acadou algúns galardóns como o Certame de Poesía María Mariño, o Certame de Poesía Avelino Díaz, o Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán ou o Premio Arume de Poesía para a infancia. Ten colaborado no xornal Nós e na revista Xistral.